Exposición “Papagaio”, por Maribel Longueira e Luisa Villalta.

2020-2021-2022

-Fotografías e poemas impresos en lona tamaño 50×70 cm.

-Para esta exposición utilizamos o centro de viveiro de empresas Accede Papagaio. Lugar onde empezamos a nosa andaina, espazo onde se atopaba o barrio que é suxeito deste proxecto. Desta forma nun exercicio de arqueoloxía baixamos os 9 pisos de aparcadoiro que agora compoñen o antigo barrio chinés. Tentando facer reflexionar sobre se as obras de tal magnitude, obedecen ao ben común ou a outros intereses.

“No mes de marzo do ano 2001 as edificacións das rúas Hospital e Tabares da cidade da Coruña foron derrubadas por máquinas de dentes de ferro que levantaron unha poeira que cubriu o barrio enteiro. Durante as semanas anteriores e nos días que duraron os traballos de demolición, Maribel Longueira permaneceu atenta, rexistrando coa cámara as paredes e a súa caída;  tamén os cascallos, anacos dun tempo perdido nos que se podía presentir o que albergaron durante anos os andares e os cuartos dos edificios agora arruinados: os berros e saloucos de pracer e de sufrimento, a sensualidade, se cadra a ledicia, seguro que a tristeza… A realidade controvertida dun comercio protagonizado polos corpos das mulleres do que eran testemuñas as paredes vencidas e os obxectos espallados entre o po e a lama”

Papagaio é, un produto do meu interese pola fotografía e  a súa capacidade para captar  e comunicar o que as veces as palabras non poden dicir, así naceron as primeiras fotografías,  pero logo sabedora de que a comunicación e o entendemento non sempre é doado, e as veces resulta complexo, quixen que as palabras completasen esa comunicación , para elo convidei a unhas poetas a que traballaran cas imaxes que eu lle ofrecía e trataran de compoñer un poema o un texto poético, entre as imaxes e o que estas representaban. O resultado en Luisa Villalta non foi un poema senón vinte, de tal maneira que a colaboración con outra poeta que tiña falado dixo: iso é un libro entre ti e Luisa, así naceu o Libro O papagaio. A nosa cidade era testemuña do que acontecía alí pero os ollos virábanse para outro lado.

A miña intención foi recoller coma un arqueólogo o tempo pasado nun espazo da cidade en ruínas onde se comerciaba co corpo das mulleres e os muros, os restos dos cuartos, as pinturas, mantiñan o alento do que alí acontecera, así foi medrando unha exposición e máis tarde un libro completo.

Maribel Longueira©

Maribel Longueira©

Deja un comentario